receitas, artigos, sabías que? trucos, +cociñas, cociñando palabras, de cine, de literatura

xoves, 19 de abril de 2018

ESCARLATINA, A COCIÑEIRA DEFUNTA



Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña.

Título: 
Escarlatina, a cociñei defunta
Autor: 
Ledicia Costas
Ilustrador: 
VÍctor Rivas
Editorial: 
Xerais
Páxs: 
176
Soporte: 
Papel
ISBN: 
 978-84-9914-739-0
        Idade recomendada:  De 11 anos en diante
                 Premios:Premio Merlín de Literatura Infantil 2014 - Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Infantil 2014 -Premio Fervenzas Literarias á Mellor Portada de LIX 2014 - Premio Neira Vilas ao mellor libro Infantil e Xuvenil do ano 2014 - Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 2015 - Lista de Honra do IBBY, 2016

ESMERALDINA, A PEQUENA DEFUNTA






O Hotel Fantastique está no medio do Salvaxe Oeste. Nas súas cociñas a pequena Esmeraldina é feliz, aprendendo todos os trucos culinarios da man da súa avoa A Tremenda, unha chef de sona mundial. A vida avanza entre pucheiros ata que un andazo de febre escarlatina acaba coa vida da nena. A noticia da súa morte corre como a pólvora entre os habitantes do alén, e empezan a chegar ao hotel defuntos de todas as procedencias, dispostos a instalarse. Esmeraldina necesita aprender a ser unha pantasma de verdade. Para iso contará coa axuda de Lady Horreur, unha peculiar araña francesa que se converterá na mellor mestra e amiga, e Nicotina, unha vaqueira que teima en levala ao seu novo fogar: o Alén Mundo. O Libro de Receitas da Tremenda acompaña esta historia de medo e humor macabro, converténdoa no petisco perfecto para degustar antes ou despois de ler Escarlatina, a cociñeira defunta.



Título: 
Esmeraldina, a pequena defunta
Autor: 
Ledicia Costas
Ilustrador: 
VÍctor Rivas
Editorial: 
Xerais
Páxs: 
224
Soporte: 
Papel
ISBN: 
 978-84-9914-999-8
        Idade recomendada:  De 11 anos en diante
                 Premio:Premio Fervenzas 2016 ao Mellor Libro de Literatura Infantil



PETITS CHOUX DE NATA E CON CHOCOLATE

Imos a modiño na entrega das nosas propostas culinarias. Cambiamos de grupo, as vacacións, as outras actividades...Demasiadas cousas na cabeza para levalas todas ao día.
Pero non deixamos de traballar, como di o meu queridiño "compa" Emilio..."A CABESIÑA NON PARA".
E por iso presentamos este agasallo para os máis galdrumeiros ou larpeiros. 
Como empezamos cun novo grupo... repetimos unha masa básica.





PETITS-CHOUX DE NATA CON CHOCOLATE
           
Ingredientes

     Pasta choux:

.    100 ml de leite
.    100 ml de auga
.    80 g de manteiga
.    120 g de fariña + ½ levadura en po
.    3  ovos
.    1 culleriña de azucre (4 g)
.    Un belisco de sal

Preparación

1.    Misturar nun cazo: leite +auga + manteiga + azucre + pel de limón+ sal.

2.   Cando ferva, (retirar a pel de limón), engadir a (fariña + levadura) de golpe e remexer cunha culler de madeira ata que a masa se separe das paredes do cazo. Separar do lume.

3.    Coa masa temperada, engádense os ovos un a un. Non engadir o seguinte ata que o anterior estea integrado.

4.  Nunha placa, ao forno a 200ºc / 20´aprox. + 5´a 180ºC ata que estean douradiños.

5.    Arrefriar e rechealos coa nata montada ao gusto.

6.  Bañalos coa crema de chocolate.


mércores, 21 de marzo de 2018

EMPANADA DE FOLLADO DE BACALLAU E UVAS PASAS

... de chocos,  xoubiñas, bonito, grelos con tetilla, carne, zamburiñas, rubio, zorza, polo, vieiras, polbo, grelos con chourizo...e de BACALLAU CON UVAS PASAS.

Habelas hainas e de moitas cousas, pero esta é unha abandeirada da nosa gastronomía.
E imos renderlle unha homenaxe e darnos unha HOMENAXE.







EMPANADA DE FOLLADO DE BACALLAU E UVAS PASAS
               
Ingredientes

·         Dúas pranchas de masa follada ou normal
·         Unha cebola
·         Bacallau desalgado
·         Pemento morrón
·         Uvas pasas
·         Un ovo
·         Papel de forno
·         Chisco de sal
·         Aceite


Preparación

1.     Desconxelar a masa a temperatura ambiente.

2.     Picar a cebola e refogala a modiño nunha tixola ata que estea caramelizada      ao gusto. Engadirlle o pemento picadiño. Chisco de sal.

3.     Engadir o bacallau  esmigallado. Misturalo co rustrido. 

5.     Estirar unha das pranchas sobre o papel de forno e estender o rustrido.           Tapar coa outra prancha e selar os bordes. Pinchar cun garfo a superficie.

6.    Pincelar co ovo batido. 

7.   Meter a empanada no forno prequecido tendo en conta as recomendacións   do fabricante da masa follada ou cando nos vexamos que a cor da masa ten   unha textura adecuada. (180ºc- 190ºc / 20´- 25´aprox.)




ORELLAS






Estamos a piques de rematar o tempo de Entroido, nalgúns lugares aínda van apurar a festa co Domingo de Piñata. 
Seguramente que rillamos ben nestes días no lacón con grelos, o cocido, a cachucha, as filloas...e as ORELLAS.
Pois un ano máis imos darlle duro e enfariñarnos con elas. Receitas hai un montón pero esta vez queremos acertar de cheo.





ORELLAS
           
Ingredientes
  •          1/2  kg de fariña
  •          Belisco  de sal
  •          3 ovos
  •          100 g de manteiga en pomada
  •          100 ml de leite a temperatura ambiente
  •          Reladura dun limón
  •          Aceite de xirasol para fritir
  •      Azucre



Preparación

1.    Facemos un volcán coa fariña e engadimos o resto dos ingredientes (ovos,   manteiga, leite, reladura, sal) e amasamos todo uns 10´, ata que estea todo   ben integrado.

2.    Despois de deixar a masa en repouso, estirámola moi finiña e cortámola nas  porcións desexadas..

3.   Fritímolas co aceite ben quente polos dous lados. Retirámolas e as colocamos sobre papel de cociña para que absorba o aceite sobrante. 

4.    Cando estean frías, botámoslle azucre ao gusto..