receitas, artigos, sabías que? trucos, +cociñas, cociñando palabras, de cine, de literatura

venres, 28 de outubro de 2016

BUÑUELOS DE CREMA PASTELEIRA DE CABAZA


Non vos asustedes! Son moi fáciles de facer!
Se queredes soñar con eles...podedes facelo!
Os buñuelos están nestas datas por todas as pastelerías e confeiterías.

Non imos falar de prezos pero coa nosa receita podedes conseguir uns 50-60 buñuelos, dependendo do tamaño na fritura.
AVISO IMPORTANTE: Levar un á boca e unha perdición. Xa non seredes capaces de parar. Estades avisados. O noso equipo de cociña quedou marabillado do seu resultado.  


BUÑUELOS CON CREMA PASTELEIRA DE CABAZA

 Ingredientes buñuelos

·         Catro ovos
·         125 g de fariña + ½ sobre de levadura
·         25 g de manteiga
·         Dúas culleres de azucre
·         Rela de limón
·         1 ¼ vaso de auga
·         Chisco de sal
·         Azucre
·         Aceite

Preparación

1.    Mesturar nun cazo: auga + manteiga + azucre + rela de limón + sal.

2.   Cando ferva, engadir a fariña de golpe e remexer cunha culler de madeira ata que a masa se separe das paredes do cazo. Separar do lume.

3.   Coa masa temperada, engádense os ovos un a un. Non engadir o seguinte ata que o anterior estea integrado. No derradeiro ovo, dependendo da textura da masa pódese engadir somentes a xema.

4.   Quecer o aceite nunha tixola fonda. Cando aínda non estea moi quente, coa axuda de dúas culleriñas, botar pequenos montonciños de masa coa tixola retirada do lume. Deixar que inflen e arrimar de novo a tixola ao lume para que doren.

5.   Escorrer e sacar da tixola para un papel absorbente. Arrefrialos e salferilos coa azucre.

6.    Rechealos coa crema pasteleira de cabaza.

Ingredientes da crema pasteleira de cabaza

·         Catro xemas
·         125 g de azucre
·         125 g de nata líquida
·         375 g de leite
·         40 g de Maicena
·         Casca de limón
·         Puré de cabaza (150 g ou a cantidade que desexedes)

Preparación

1.   Mesturar e quecer nun cazo: leite + nata líquida + metade de azucre + casca de limón.

2.   Nun bol, mesturar e bater as xemas e ( Maicena + resto do azucre) ata que dobren o seu volume.

3.  Mesturar o contido do bol cun pouco de leite do cazo. Engadir o puré de cabaza.

4.    Botar todo no cazo co resto do leite (coado previamente) e deixar que espese ao baño maría. Remover de seguido para que non se pegue ao cazo.


5.  Cando a crema teña a textura desexada, arrefriala nun recipiente cun papel film transparente por riba da crema para que non colla casca.



martes, 25 de outubro de 2016

SAMAÍN


Se queredes pasar un rato divertido na cociña propoñémosvos rescatar o noso receitario ( POSTRES DE MEDO PARA O SAMAÍN)  elaborado fai un par de anos pero que aínda sabe de rechupete.






PIZZA DE TORTILLA E HORTALIZAS



Comida "FUSIÓN"?

Aquí tedes a nosa queridísima e saborosa TORTILLA DE PATACAS de toda a vida e a archicoñecida e aclamada PIZZA.

Cun pouco de todo e unha elaborada e divertida proposta chegamos a isto. Mereceu a pena. Xuntamos sabores e logramos vencer medos a probar cousas novas. Incluso unha integrante do nosos equipo de cociña sorprendeuse ao ver por primeira vez un pemento vermello por dentro, sorpresa ao saber que estaba oco. Nunca deixamos de sorprendernos cos nosos cociñeiros-as. 


















PIZZA DE TORTILLA E HORTALIZAS
           
Ingredientes

·         2 patacas
·         6 ovos
·         Cebola
·         4 rebandas de touciño entrefebrado
·         ½  pemento  verde
·         ½ pemento vermello
·         Champiñóns fileteados
·         Tomate frito
·         Mozzarella relada
·         Follas de albahaca / ourego seco
·         Olivas negras
·         Aceite de oliva /sal / pementa

Preparación

1.  Pelar, lavar, cortar en láminas e pochar as patacas. Incorporar a cebola e refogala.

2.    Retiralas e quitar o exceso de graxa e salpementalas.

3.    Lavar os pementos e cortalos en dadiños.

4.  Salpementar e bater os ovos. Engadirlles as patacas e callar catro tortillas finas duns 20cm de diámetro.

5.   Colocalas sobre unha placa con papel de forno e engadirlles dúas culleradas de tomate a cada unha.


6.   Distribuír a mozzarella, os pementos, o touciño entrefebrado, os champiñóns, a albahaca lavada e seca, o ourego e as olivas en rebandas. Gratinar 4´. Retiralas e servir.



xoves, 13 de outubro de 2016

PANINI MEDITERRÁNEO

Pequena homenaxe aos cada vez máis esquecidos nos nosos patios de colexio: os BOCADILLOS.
Están sendo amplamente superados pola bollería industrial, os zumes envasados ou "as merendas-aperitivo". 
Ver un "bocata" dos de toda a vida, dos de pan fresco e recheo tradicional non está a resultar tarefa fácil. A nosa cociña quere sacudir os nosos padais cunha explosión de sabores e colores para recuperar terreo, se é posible, coa proposta deste "PANINI".
Chamoume moito a atención comprobar que a metade do equipo de cociña non probara nunca as olivas negras ou non sabía que había tomates secos ou que a cebola morada tivese un punto picante.
Mesturar na boca todos eses sabores á vez transformou a súa primeira impresión de noxo noutra ben distinta: QUERER MÁIS para seguir disfrutando do momento. IMOS POR BO CAMIÑO!




PANINI   MEDITERRÁNEO
           
Ingredientes

·         Pan de olivas ou similar
·         1 cebola morada
·         2 pementos  vermellos asados
·         50 g de tomates secos en aceite
·         50 g de olivas negras sen óso
·         50 g de queixo de cabra de rulo
·         Mostaza de Dijon
·         Aceite de oliva
·         Sal e pementa

Preparación

1.    Pelar a cebola e cortala en plumas.

2.    Cortar os pementos e tomates en tiras. Enxaugar as olivas e cortalas en aros.

3.    Mesturar todo nun bol e salpimentar.

4.   Dourar en toradas o queixo, nunha tixola ben quente, un minuto por cada lado cunhas gotas de aceite.

5.   Abrir o pan pola metade e untar a cara da miga coa mostaza e repartir na base a ensalada. Engadir unha torada de queixo e tapar coa outra tapa de pan.




A COCIÑA DE ANDERSEN 6

MARABILLOSO!!!!!

Xa temos aquí o novo vídeo de  A cociña de Andersen 6.
Estamos contentos do noso traballo e queremos compartilo con todos vós. Grazas e disfrutádeo.





xoves, 6 de outubro de 2016

BUÑUELOS DE QUEIXO DE CABRA CON MARMELADA DE FIGOS


Unha delicatesen a que acabamos de elaborar na cociña. Deunos un pouco de traballo napar os trozos de queixo coa pasta para os buñuelos pero finalmente conseguimos un bo resultado para o padal. O toque da mermelada de figos sorprendeu aos padais máis reacios a probar cousas novas, ao final as súas caras foron de aprobación.



E postos a falar...
"Estás coma un figo"                   "Non caerá esa breva"
               (moi fraco)                                  (dificultade de alcanzar algo moi desexado)







BUÑUELOS DE QUEIXO DE CABRA
           
Ingredientes

·         150 g de queixo de cabra cremoso
·         Marmelada de figos
·         masa
·        75 g de fariña
·        2 ovos
·        50 g de manteiga
·        125 ml de leite
·        sal

Preparación

1.   Nun cazo quecer o leite + manteiga + ½ culleriña de sal. Levar a ebulición a lume lento e engadir a fariña de golpe. Remexer cunha culler de madeira ata que a masa se despegue das paredes.

2.    Retirar do lume e atemperar.

3.    Incorporar os ovos de un en un remexendo ata que se integren.

4.    Cortar o queixo en dados e sumerxilos completamente  na masa preparada.

5.   Fritir os buñuelos en abundante aceite quente ata que douren. Escorrelos en papel absorbente.

6.    Servilos coa marmelada ou inxectala nos buñuelos.




Deixámos este enlace para que sigades catando "virtualmente" máis exquisiteces.