O noso obradoiro de cociña non é novo. Ten a súa historia.
Fai moitos anos, polo ano 1985, a idea de crear obradoiros dentro do horario escolar xurdiu coa idea de abrir portas a outras actividades e descansar un pouco das materias e contidos que nos ocupaban a maior parte do tempo escolar.
Foron moitos os obradoiros que poidemos gozar e compartir no noso colexio: fotografía, teares, xardinería, construcción de xoguetes, costura, sombras chinesas, ecobradoiro, arqueoloxía, danzas do mundo, informática...e cociña.
O obradoiro de cociña foi e é un dos máis solicitados xa que á parte de ser un obradoiro activo e manipulativo, pódese degustar do realizado unha vez finalizado o mesmo.
Una proba diso son os innumerables cadernos de receitas que cada un dos participantes garda con mimo, coma aqueles recetarios das nosas nais e avoas gardados en vellos papeis ou na memoria da tradición familiar.
Carolina, antiga alumna do colexio, achegounos un deses pequenos tesouros que se resisten a perderse no tempo e que con sumo agarimo reviven de vez en cando ao lembrar aquelas horas de laboriosa actividade culinaria na escola.
Como reza na súa libreta de notas, aquel 11 de febreiro de 1998, Carolina e o resto do equipo de participantes enfrontáronse ao biscoito de iogurt. Coas faltas de ortografía propias dos nervios do momento pero co arrecendo dos sabores do biscoito saíndo do forno e conquistando os padais daqueles intrépidos cociñeiros e cociñeiras.
Moitas grazas a todos e todas de parte dos profescocinillas que fomos pasando ao longo de todos estes anos polo obradoiro e que contemplamos con ilusión como uns sinxelos recetarios seguen a formar parte das vosas vidas.
UNHA DOCE APERTA.